MANTECÓN 1990, OS PATTERNS APAIXÓNANSE
Alberto González-Alegre
Cando moitos coidaban que serían poucas ou pouco relevantes as variacións que pudiesen presentar as súas obras – por teren xa un modelo de estructuración definido e por proporen un modelo de percepción e conciencia claro-, chega Francisco Mantecón cunha trintena de obras, entre lenzos e papeis, nas que os patterns se apaixonan.

Que non se trata dun xiro de índole intuitiva, nin tampouco un xogo interesado e con data de caducidade  podédelo comprobar xa mesmo nas ilustracións que seguen a estre breve comentario. Fóra de casos particulares na linde oposta, a grande tendencia á que pertence a obra de Mantecón –esa que inclúe dende Malevitch ata Donald Judd, dende van der Rohe ata Frank Stella e que podemos seguir chamando opción analítica-, é a que conleva nos artistas un maior grao de compromiso, de militancia; é así porque se asenta no rigor, na expresión da liberdade controlada pola intelixencia. Tense repetido moito, pero esta opción estética comporta unha ética firme que as obras recollen con igual firmeza.

Centrado na exclusiva visualidade, no estudio dos procedimentos ópticos e nas consecuencias psicolóxicas da percepción, conserva Mantecón o seu xeito ultrarreflexivo de traballar, pero o que na súa obra anterior fora fría loita de contrarios amósase agora temperada por unha presencia maior de valores plásticos, pictóricos; cede un tanto nos seus aspectos cósmicos e introduce visións atmosféricas, como se unha parte dos efectos esfumados e xestuais dos traballos con lápiz e carbón se impuxesen e cedesen cualidades aos lenzos. Así e todo, as obras seguen sendo abstraccións xeométricas, porque posúen o rigor da xeometría.

Outra forma de paixón, en certo modo extrema, que se revela nesta obra última, chega de forzar o artista uns graos a súa liña de investigación anterior, de xeito que os desequilibrios fanse ainda máis perturbadores e a súa percepción máis dura. Mantecón que xa tiña chegado á conclusión de que a harmonía debe incluir unha parcela de desacougo, xira unhas voltas a rosca.

Estas variantes que dicimos apaixonadas dos seus patterns clásicos –e outras como a humanización das caligrafías nos fondos- non se encontran en tódalas obras, senón que están controladamente esparexidas, ocultas na alternancia; feitas da mesma substancia que as vellas caixas do desacougo, son unha reafirmación da súa autonomía, do seu compromiso.

Alberto González-Alegre. Vigo 1990





Manuel Janeiro Casal
Di Paul Klee que canto mais terrible é o mundo, mais abstracta é a arte. Di que abandonemos esta terra de trincheiras e de medo, este territorio de  abraio, para posuir as Rexións da afirmación, do concepto, do último dos sentidos comprendido: o da dor abstracta.

Nas academias, nos faiados, na frustración dos seus cuartos unha  morea de fillos profanan cabaletes e din sen sufrir, eu non pintarei, non me presentarei, non finxirei...mais finxen, agarrotados os lenzos co seu grafismo inseguro. No seu pasado hai unha parede de cadros que se ergue coma un muro universal nos derradeiros anos do século XIX.

Iso que se ve como se fora deles non é a miserable dor que produciu o abstracto, non é esa caste de coñecemento, é soamente miseria,  plana, xorda, aborrecida e ignorante de Bomarzo, de Vasari, de Bronzino, de Miguel Ángel.

Se el tivera nacido no século XVI, sería transparente coma Velázquez ou Claudio de Lorena e faría unha arte feliz e terreal, representando, figurando, alumeando o lenzo dos campos e das alcobas e os pazos. Pero non naceu en Toledo nin en Florencia nin en Sevilla.

Do que se fala, Francisco Mantecón Rodríguez, natural de Galicia, naceu dous anos antes da metade do século XX, mais que nun país, nun sistema de arte perseguida.

Agora é el o único que se pode ver, é dos poucos de nós que consigue vencer a monótona presión do moderno. Ante tanta obriga de desorde calculada, ante tanto espectáculo de acenos: o método da corrección  e da asunción profunda da fórmula nunha pintura inacabada, aparentemente limpa, que da a sensación de claridade mais na que por riba do racional se vive un absoluto desorde verdadeiro, tal coma o da propia ameaza da vida.

A parábola desta obra é unha cidade contemporánea e a xeometría. Din que os homes abriron fiestras enormes nos muros das súas casas, pintaron de branco as paredes e instalaron a presencia da luz nas súas facendas, cando verdadeiramente sufrían .

Sei que non é así, pero semella que Mantecón pinta con tubos de neón  con polvos de añil e con branco de españa. Hay un cadro de Mantecón, un díptico que camiña cara esa clase de nada que en si todo o contén. Como unha pintura invisible, expúxose nunha galería de Vigo, hai un ano, e a min pareceume un acontecemento; coido que ninguén se atreveu a mercalo e agora agarda clandestino -no soto dos cadros- o seu futuro.

O futuro é a palabra coa que achegarse á pintura de Mantecón. Por sorte, este home non rematou aínda nada: é a promesa dunha obra segura que xa consigue emocionarnos.

Mais de un estamos a esperalo nesa rexión de consagrados e xenios que nos entristecen os ollos.
Para todos os que sentimos a fatiga dos representantes provinciais da arte exterior, Mantecón móstrasenos coma o delicado ofrecemento do producto orixinal, made in el, made in Galicia.

Manuel Janeiro Casal. Vigo





UNIVERSOS ESTÁTICOS

Ramiro Fonte
Cada cadro de Francisco Mantecón está sometido a unhas regras compositivas nidias, xorde duns  patróns formalizadores que se repiten, xenerando unha imperceptible pero certa variación. A ollada vainos revelar unha teimosa sistematización e unha orden na que os materiais e os elementos visuais están reducidos á máis desesperada síntese. Non deixa de ser curioso que un pintor de oficio como é el e sendo como é un magnífico debuxante, renuncie a mostrárnolo en temas de lucimento doado. Toda a obra de Mantecón está guiada por esa necesidade de tirar lastre, de desfacerse de contados que el calificaría como accesorio para propor, xustamente, unha poética da síntese. Atopámonos, pois, cun pintor que está convencido de que hai que pintar non con temas senón, unicamente, con color e forma.

Cada cadro de Francisco Mantecón supón unha variación nun mundo sometido a esas regras poderosas ás que nunca renuncia. Semella ser idéntico ó que vimos antes. Pero non nos enganemos, a monotonía desta obra é aparente, porque do que se trata é de descubrir a sutil trasgresión que sempre acaba asomando. Sabemos, de antemán, que cada cadro forma parte dun sistema pictórico global e, ó mesmo tempo, temos a certeza de que nel se produce unha variación, como se estivese sulcado por unha fenda sísmica. Poñer orde nun magmático universo semella ser unha das principias estratexias creativas deste pintor, agora máis acentuada. A necesidade de evidenciar as estructuras plásticas, facéndoas protagonistas da súa pintura outórganlle á súa obra unhas características doadamente recoñecibles. A pintura de Francisco Mantecón indentifícase sempre por esa orde, pola xeométrica configuración dun universo, polos patróns formais dos que parte. Espoliada de toda anécdota, espoliada de calquera elemento doadamente recoñecible, semella reflectar unha parcela de nada, do baleiro, dunha inmensa ausencia productiva e vizosa. Ö barroquismo opón os seus desertos formais, as súas desesperadas estructuras. Coma algún dos pais da arquitectura moderna (quero pensar en Adolf Loos) a pintura de Mantecón proclama unha loita frontal contra o ornamento. é unha pintura producida nos tempos de tódalas crises pictóricas e, sen embargo, tempos sempre a certeza do pronunciamento do pictórico.

Dun tempo a esta parte, prodúcense nun mundo tan aparentemente estático coma o de Mantecón novos e curiosos movementos. A súa pintura que sempre se basou na conxunción de distintos planos e grafismos proponnos agora unha especie de cosmos atmosférico, máis temperamental, cun colorido susceptible de transportar estados de ánimo. As nubes borrascosas, certas presencias acuáticas emergen nese deserto formal; algunha vez ábrese unha fiestra a outro mundo, a outra atmosfera. Vans que comunican a nada con outra rexión da nada. Estructuras simples como fragmentos dunha fiestra ou dunha cruz semellan emblemas simbólicos.

Creo que a pintura deste artista, a pesar das súas persistencias, das súas teimas, impón ó contemplador unha lectura lúcida. Cada cadro desta pintura, que é teimosamente fiel a si mesma, non se comprendería sen o espectador. Do xogo que se establece entre os modos de ollar e os cadros de Mantecón, depende a compresión deste mundo. O pintor semella proporlle ó contemplador unha especie de descubrimento, o achado dunha clave oculta que se atopa tanto na obra mesma coma nos modos de ollar. Enxergar onde acontecen os movementos sísmicos destes universos estáticos pode ser, se cadra, o actual obxectivoso.

Ramiro Fonte. Vigo 1993





FRANCISCO MANTECÓN: DESCONCERTADO EQUILIBRIO
Xosé María álvarez Cáccamo
Da estirpe dos clásicos, Francisco Mantecón asignou-se o empeño de outorgar texturas e fráxeis cores difusas ás materias frenéticas que povoan, desordenadas, o espácio. A vida, informe constelación triste, entra a acougar nas superfícies esfumadas através de portas cuase inaudíveis, rupturas mínimas que este pintor reflexivo practica no territorio extenso da cor para que o equilíbrio afirme a sua condición na suxeréncia arrepiante dos tráxicos derrubamentos. A sua búsqueda fundamental  é a conxunción de dous contrários proverbiais: Orden e Desequilibrio. Nengunha forma mantén asentadas as suas áncoras en terra firme. Unha leve carga desprazada no interior das adegas rectangulares fainas escorar subtilmente sen submete-las a perigo de naufraxio.

Esta converxencia de contrários nace do esforzo por procurar a expresión dun estado de serenidade que non signifique parálise, siléncio desabitado, inumana arquitectura. Nen informal nen construtivista, a obra de Mantecón conxuga a espontaneidade do xesto natural cun laborar controlado que logra conter todo exceso, toda rachadura, toda violéncia. Más, así interpretada, a sua pintura pode suxerir un proceso de criación que partindo do caos chegase á harmonia, á ordenación estabilizadora. Eu penso, polo contrário, que este home de insospeitado comportamento visceral e carácter vitalista, concibe os seus significados plásticos como símbolos e realizacións disciplinadas do Orden. Ese debe ser o seu movimento creativo mais espontáneo. Mas como todo acto de expresión artística vive suxeito sempre a un certo pulo de desobediéncia e de arrebato, as lindes das formas (cuadrados e rectángulos que significan terra) abren para o xesto desconcertante, acenos que rachan o concerto de ritmos fendas temperados, e así as figuras boian ameazando con desprendimentos que nunca chegan a producir-se.

A síntese de dinamismo xestual –combinado cunha matizada procura de efeitos ópticos- e harmonía constructiva manifesta-se  non só na unidade de cada peza senón tamén no proceso total da obra. As texturas de cinza que suxiren matéria inorgánica e disolución dos corpos contrastan e complementan a esas outras fonduras vexetais atravesadas de electricidade, feridas por un cair apocalíptico de chúvias de lume, saraiva e violetas. Xelos opacos, cristais de fume, espellos toldados, água amatada en fogueiras lustrais, transparentes estratos de areia que medran en gradación controlada até ser ocaso, son as tonalidades interiores onde reside a clave alquímica que persegue o pintor, a subtáncia ordenadora en loita necesária cos corpos sen ponto de apoio.

En contraste cos espácios ocupados abundantemente de matéria dinámina, en outros momentos Mantecón habita o siléncio cunha mínima mancha que quer devorar o território calado, ou cunha série de liñas que semellan extender-se ao branco limitado e infinito. Aquí é onde o autor loga con maior éxito o feito de tensa serenidade que caracteriza todo o seu traballo. O papel espido é o símbolo cuase preciso do subsancial, mais sobra-lle todo o que hai de exceso no siléncio absoluto, substáncia sen doma, materia sen lindes, chaira e mar sen horizontes. Como este pintor non resiste a desmesura debe extraer os elementos sobrantes do vacio e ocupar o abismo só cos planetas necesários, distanciados entre eles por milleiros de anos-luz, tal como danzan os corpos no espácio exterior. Neste sentido, a sua pintura, tensa expresión do equilibrio inestável das formas no vacio, é tamén, ademais de xeométrica, xestual e alquímica, radicalmente cósmica.

O terror da Matéria Flotante chega a nós atravesando xanelas estreitas, entreabertas en ocre dilatado, bermello convexo, inorgánico gris, laranxa cegador…Esa paisaxe serena insinua o medo das grandes profundidade aéreas, a inquedanza dos corpos desmedidos que manteñen o concerto das suas distantes amizades, unidos por fíos de fráxil consisténcia. Siléncio ocupado de presáxios, minúsculos agoiros de choque e caida, tensión calculada dos volumes, enganosa xeometría que abre pequenos buratos de luz devastadora, vidraza ofrecida á vertixen, perigoso equilíbrio

Xosé María Álvarez Cáccamo. Vigo 1984